Phoenix Criminal Lawyer
 

Período de altas, baixas e cambios de titularidade

decembro 20th 2009 by| the_author anxos en Comunidade de montes

sinal

En primeiro lugar, os membros que conformamos a directiva da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de San Pedro de Muro, non queremos deixar pasar a oportunidade que brinda esta carta, para desexar a todas e todos un feliz fin de ano 2009, e un mellor comezo de 2010.

Por outro lado, gustaríanos transmitir un feito que vimos percibindo durante as asembleas deste ano que está a piques de rematar. Somos testemuñas do nacemento dunha nova actitude nos comuneiros/as que, con alto grao de civismo, están a transformar a nosa Comunidade nun foro de convivencia, onde o respecto a diferentes opinións e a ansia compartida por aproveitar os nosos montes, están a deixar fora de lugar actitudes menos democráticas. Dende a directiva cremos que este cambio na atmosfera que domina a CMVMC de Muro, provocou o aumento progresivo da asistencia dos comuneiros/as ás nosas reunións. As novas caras que vemos nas xuntanzas chegan para quedarse.

Para poder seguir vendo novas caras nas asembleas, e, dando continuidade ao costume de anos precedentes, abrimos con esta carta un novo prazo de actualización do censo de comuneiros/as.

Predecimos que o ano 2010 vai ser máis transcendental que o anterior; todos/as xuntos deberemos afrontar decisións de peso, valoraremos tamén os éxitos e os fracasos aos que nos levaron tales decisións que, condicionarán as accións que emprendamos en anos sucesivos. A directiva da CMVMC de Muro abre con especial interese este novo prazo de altas, baixas e/ou cambios de titularidade, esperando que as altas de veciñas e veciños con vontade de participación e compromiso superen a calquera que sexan as outras opcións.

Polo tanto, animamos a tódolos veciños/as, non a facerse comuneiros/as por un día, senón a asinar por un compromiso activo, de participación nas asembleas e nas tomas de decisións que estas xeren.

.

Impreso de altas baixas e cambio de titularidade. Pode deixalo quedar na casa da cultura da nosa parroquia, de luns a venres en horario de tarde. Pasaremos a recollelos quince días antes da asemblea.

Deixa unha resposta