XORNADA VERDE MURO 10
Maio 6th 2010 by| the_author anxos in Comunidade de montes
.
Aproveitando o carácter conmemorativo do 2010, ano mundial da biodiversidade, a CMVMC de Muro está a organizar a Xornada Verde Muro 10. Este evento, integra distintas actividades deportivas e culturais, que teñen como nexo común o contacto directo dos/as participantes coa natureza local. O fin último é a reconciliación entre as novas xeracións locais, e a contorna onde residen. A Xornada Verde Muro 10 é un primeiro paso dentro do roteiro que nos achegue á natureza que nos deixaron as xeracións pasadas, e con isto, iniciar un proceso de posta en valor da súa riqueza.

.
A Xornada Verde Muro 10 ofrece ás persoas participantes as seguintes actividades:
.
1.- Andaina Popular Verde Muro 10 (hora de inicio da actividade: 9.45h.)
Na primeira actividade do día, os/as inscritos/as deberán cubrir un circuíto, dende a praia de Seráns (explanada do chiringuito O paraíso), ata a Ermita de San Bieito de Seráns. Como o seu nome indica, nesta actividade o importante non é quen chega primeiro, senón desfrutar da paisaxe mentres o/a participante camiña cara a meta.
Ficha de inscrición andaina verde muro 10
.
2.- Carreira Verde Muro 10 (hora de inicio da actividade: 11.30h.)
Por primeira vez na parroquia de Muro, propoñemos a organización e realización dunha carreira de monte. O percorrido desenvólvese sobre un circuíto mixto, onde se combinan pasos de madeira costeiros, pistas de barro, camiños irregulares e pista asfaltada. O circuíto será debidamente sinalizado nas zonas onde así o necesite. A lonxitude é de 8.5 Km, cun desnivel de aprox. 200 mtrs. O deseño da carreira asegura:
- O paso dos/as participantes por zonas de alto interese natural
- O aproveitamento de camiños históricos e sendas estratéxicas
- Acadar un desnivel (m.) que destaca a sucesión de biótopos
Ficha de inscrición carreira verde muro 10
.
Máis info:
Mapa do percorrido (precísase aplicación Google earth)
Introdución aos adestramentos para carreiras
.
3.- Xogos tradicionais (dende as 16.00 en adiante). Con participación libre por parte dos/as asistentes á xornada.

Os xogos populares, como outros elementos culturais, conteñen diferentes concepcións que forman parte da sociedade, teñen unha dimensión lúdica e educativa, e son parte importante da convivencia e cooperación en grupo, de aí o interese de introducilos nesta actividade que pretende afondar na creación de grupo e mellorar o clima dos/as comuneiros/as e outras persoas que participen da actividade. Ademais, os xogos posúen un gran valor socio-cultural que sobrepasa os aspectos lúdicos, pois cada xogo presenta diferentes características dependendo da zona na que se practica.
Os xogos defínense como a actividade física ou mental que ten a finalidade de divertirse e entreterse, e dentro desta xornada deportiva, encaixa ben esta proposta de xogos tradicionais, pois está acorde a tódolos públicos, poidan ou non correr na carreira, e quere dar un remate distinto e máis distendido, onde se xunte todo o grupo de persoas. A actividade realizarase nos arredores da Ermita de San Bieito, e entre os distintos entretementos contamos con:
- Bólos
- Petanca
- Zancos
- Sacos
- Aros
- Tartarugas
- Rá
- Baralla
- Chave
.
ORGANIZA: Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Pedro de Muro
COLABORA: Concellalía de Xuventude e Deportes. Concello de Porto do Son


Maio 28th, 2010 at 10:58 p.m.
Moi boas. Pareceme unha idea marabillosa esta de facer andainas e carreiras (e unir todo despois con xogos tradicionais) pensando en que toda a familia participe.
O que vos suxiro (se queredes ter algo máis de participación) é que publicitedes a carreira no foro de carreiras populares correrengalicia.org (en particular nun subforo especializado en andainas e carreiras de montaña do que vos deixo o enderezo de enlace: http://www.correrengalicia.org/index.php?name=Forums&file=viewforum&f=12)
Eu, por desgracia, teño unha cita familiar en Lugo ese mesmo día e non poderei ir. Digo por desgracia, ademáis, porque participo dende a súa creación nunha carreira que organizan ahí ó lado, o Cross de O Corgo – Corrubedo que supoño coñecedes.
Un cordial saúdo.
Maio 29th, 2010 at 9:01 p.m.
Graciñas polo teu comentario.
O de correrengalicia.org xa está en trámites. Boa idea!!!
Mágoa que non poidas asistir. Daremos boa conta do que aconteza a través deste noso espazo no mundo cibernético. Un saúdo.
Xuño 3rd, 2010 at 12:58 a.m.
Boas,
Supoño que non tedes inconveniente en que puntúe para o circuito de CorrerEnGalicia está carreira, no? Recoméndoto porque desta maneira moitos foreiros que están pendientes do circuito (que está a piques de rematar) achegaranse con máis ganas si cabe a esta carreira que tan ben pinta..
Espero os teus comentarios, en caso de confirmares, comunicámosllo o admin
Un saúdo
Xuño 3rd, 2010 at 10:26 p.m.
Confirmado! Un saúdo!