Coñécenos
A COMUNIDADE DE MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN DE SAN PEDRO DE MURO. UN POUCO DE HISTORIA…
Con data 17 de marzo de 1980, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou clasificar o Monte “Tahume de Muro” como monte veciñal en man común desta parroquia (San Pedro de Muro). Ocupando un total de 163,17 hectáreas divididas en cinco parcelas: monte Abeirada e Pedreira de 112 hectáreas, monte Laxe de 18,03 hectáreas, monte Pereiro de 2,25 hectáreas, monte Alboreda de 5,27 hectáreas e monte Carballosa de 24,72 hectáreas.
Ao ano seguinte, o 15 de xuño de 1981, clasifícanse como monte veciñal en man común os terreos da praia: “Campo de Catía e Pozón” de 40 hectáreas, “Campo de Súas Brañas e Outeiro Branco” de 9,50 hectáreas, “Campo de Agrolido” de 1,35 hectáreas e “Campo da Lagoa” de 19 hectáreas.
Dende o 12 de xuño de 1986 mantense un convenio coa administración en 155 hectáreas do Monte “Tahume de Muro” por un período de 25 anos.
Número de persoas comuneiras da CMVMC de San Pedro de Muro:
- ano 2008: 116
- ano 2009: 129
- ano 2010: 131
.
![]()
.
A NOSA PARROQUIA: SAN PEDRO DE MURO (PORTO DO SON – A CORUÑA)
.
SITUACIÓN
A nosa parroquia é a que se atopa máis ao sur do Concello de Porto do Son, lindando co municipio de Ribeira. Ten como núcleos de poboación os lugares de; Alboreda, Basoñas, Campo de Patas, Carballosa, Cimadevila, Fonte Espiñosa, Igrexa (A), Novás, Rial e Seráns. A súa extensión é de 10,7 Km2.
HISTORIA
En San Pedro de Muro, como no resto do concello, apareceron restos prehistóricos como muíños de man, cerámica, un petroglifo, etc., e especialmente un achádego arqueolóxico que require unha axeitada datación e estudo científico; os restos dun poboado prehistórico no cumio do monte Tahume. Hai quen atribúe o nome deste monte (o Tahume), á presenza dos árabes por estas terras.
.
ECONOMÍA
A poboación activa da parroquia adícase fundamentalmente a actividades relacionadas directa ou indirectamente co aproveitamento dos recursos do medio:
- o sector primario ocupa unha boa parte da poboación activa, principalmente a pesca. A agricultura e a gandería que, normalmente van compaxinadas, son máis ben de autoconsumo.
- o sector secundario tamén ten certa importancia pois, a construción e as industrias de transformación de produtos alimentarios que hai no veciño concello de Ribeira, ocupan a gran número de traballadores/as.
- o sector servizos está representado por pequenos comercios de alimentación.
.
OROGRAFÍA
A zona interior da parroquia presenta un relevo accidentado con cumios que oscilan entre os; 240m do monte Tahume (cumio pertencente á parroquia de Olveira, concello de Ribeira); 139m do monte Laxe; 130m do monte Outeiro Gordo; e 115m do monte da Pedreira.
Ao oeste, a franxa litoral, é unha zona con lixeira pendente, onde está enclavada a lagoa que leva o nome da parroquia e é protexida por un cordón dunar maioritariamente vexetado.
.
HIDROGRAFÍA
Numerosos regatos desembocan directamente no océano atlántico. Algúns, son de carácter temporal xa que, en períodos estivais poden chegar a secar na súa totalidade.
O río de Rial deposita a súa auga na lagoa de San Pedro de Muro. Esta lagoa, aberta ao mar, constitúe sen dúbida unha das zonas húmidas máis importantes do concello. Tanto é así que, forma xunto coa lagoa de Xuño (parroquia veciña), o Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, e gran parte da costa do concello de Porto do Son o, Lugar de Importancia Comunitario COMPLEXO HÚMIDO DE CORRUBEDO (proposto para a Rede Natura 2000).
FLORA
Gran parte do solo da parroquia é empregado como terreo de cultivo; patacas, cereais, millo, árbores froiteiras,… Nos montes abunda sobre todo o mato (toxos, xestas e silvas, indicadores dun solo fértil), aínda que tamén hai piñeirais e eucaliptais. Máis nos últimos tempos estase traballando para obter no futuro algunha fraga. Existe ademais, unha grande variedade de especies vexetais propias das marismas e areais da costa galega.
.
FAUNA
A diversidade de hábitats da parroquia posibilita o asentamento dun gran número de especies animais. Podemos atopar; anfibios, réptiles, mamíferos, insectos, aves e outras de ámbito mariño ou litoral.
.
MONUMENTOS E CONSTRUCIÓNS
- igrexa de San Pedro de Muro, do século XVIII (ano 1720)
- capela de San Benito de Seráns
- hórreos (un deles con reloxio de Sol)
- cruceiros
- muíños
- pombeiros
- ruínas do Castro Tahume
.
FESTAS E ROMARÍAS
- 21 de marzo e 11 de xullo. Romaría de San Benito de Seráns, de inverno e de verán
- 29 e 30 de xuño. Festas patronais na honra de San Pedro. O segundo día adicase á Virxe das Dores
- 3º domingo de agosto. Festa do Santísimo (comuñóns)
- último domingo de agosto O Carme do Monte. O segundo día hónrase a San Roque
- 8 e 9 de setembro. Corazón de Xesús e San Antón

